Autor, director e actor de teatro. Día das Letras Galegas 2013




Os escenarios protagonizan o inicio do ano Vidal Bolaño

Categoría : Novas, Teatro · por 2 Xan, 2013
Os escenarios protagonizan o inicio do ano Vidal Bolaño

Co primeiro día de xaneiro do 2013 vén de comezar o ano que a Real Academia Galega dedica a Roberto Vidal Bolaño como homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Desde o punto de vista escénico tres son as producións teatrais anunciadas ata agora sobre textos de Vidal Bolaño. A primeira delas será a que producirá, con estrea prevista en febreiro, a propia compañía creada polo dramaturgo, Teatro do Aquí. Seguindo a dirección do autor, a compañía reporá Criaturas, unha das últimas comedias escritas por Bolaño. Para a montaxe está previsto utilizar case o mesmo reparto que participou na súa estrea.

Desde o teatro institucional serán dúas as producións que lembrarán a Roberto Vidal Bolaño durante este 2013. A primeira en estrearse será Días sen gloria, unha peza que foi premio Rafael Dieste. Producida tamén no seu día por Teatro do Aquí contaba no papel principal co propio Bolaño como protagonista da historia. O Centro Dramático Galego dedicará a súa nova temporada por completo a Vidal Bolaño e, ademais de Días sen gloria, ten previsto producir unha das obras que o dramaturgo escribiu para público cativo. Será despois do verán cando se poida ver Touporroutou da lúa e do sol.

Ademais das propostas directamente escénicas, hai outras dúas actividades que están xa previstas no programa das homenaxes a Roberto Vidal Bolaño. O propio CDG ten previsto recompilar o material audiovisual sobre as montaxes nas que participou o autor, director e actor e exhibilas no propio Salón Teatro.

Outra posibilidade de asistir á obra deste dramaturgo desaparecido hai dez anos serán as lecturas dramatizadas que correrán a cargo das aulas de teatro das distintas universidades galegas.

Como primeira actividade, o CDG xa puxo en marcha o premio Roberto Vidal Bolaño ao mellor espectador, que se decidirá entre público que asista ás funcións do Salón Teatro, en Santiago de Compostela. Os gañadores terán como premio abonos para a temporada completa nese espazo.

Vía La Voz de Galicia.

COMPARTIR :